Recuperar o estado natural do río Maior, no seu discorrer polo centro da nosa vila, é unha actuación totalmente prioritaria para Sadamaioría. Esta actuación será a maior transformación urbana da historia recente de Sada.
Co obxectivo inequívoco e fundamental de minorar o risco de inundacións, permitirá a recuperación ambiental e a renaturalización dese entorno fluvial, actuando de forma integral na renovación, mellora e humanización do espazo público.
Trátase dunha transformación desde o punto de vista ambiental, pero tamén desde o punto de vista económico e social. Realizouse un estudo de tráfico, para analizar e reducir o impacto da actuación e adoptaronse as medidas necesarias no proxecto construtivo.
Esta non pode ser unha actuación illada, pois debe integrarse dentro dun obxectivo claro de preservación do bordo litoral e coordinado coa implementación das medidas recollidas no Plan de Conservación das Brañas, os nosos espazos naturais de maior valor biolóxico.
A preservación e restauración dos ecosistemas, teñen que ser obxectivos prioritarios nos próximos anos. Non é unha elección, é unha necesidade.
Sada, 20 de maio de 2023.