Na moción demándase un acordo político-institucional de compromiso de futuro para conveniar co Sergas o traslado do centro de saúde a un lugar máis accesible.
No PXOM hai un reserva prevista de 2.670m2 para a construción dun novo centro, na zona da Lagoa, en fronte do IES Isaac Díaz Pardo.
Sadamaioría, sendo consciente de que unha das principais e máis insistentes demandas dos veciños e veciñas de Sada é a do cambio de localización do centro de saúde, leva ao pleno ordinario do mes de abril, que terá lugar este xoves 25, unha moción para acadar un acordo político-institucional da corporación para o traslado do centro de saúde de Sada.
A súa situación actual, cunha inaccesibilidade que implica serias dificultades, limitacións, condicionantes e mesmo impedimentos para toda a cidadanía e, nomeadamente, para os usuarios de máis idade, que son os que máis demandan os seus servizos, obriga a que os responsábeis políticos do Concello afronten unha solución consensuada ao problema.
O PXOM de Sada, como ben se sabe, prevé a reserva como sistema xeral de 2.670m2 de superficie para a localización dun novo centro de saúde nun ámbito de solo urbano non consolidado, a APR-PERI 3.6, pendente de desenvolvemento polo sistema de cooperación.
Non obstante o anterior, entendemos que non debe ser esta a única e excluínte alternativa de localización, polo que non cabe descartar outras alternativas, como poden ser outros terreos vacantes dispoñíbeis ou mesmo edificacións xa construídas.
O pasado día 9 de abril, o Alcalde de Sada, Benito Portela, solicitou mediante carta unha entrevista ao Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Jesús Vázquez Almuiña, coa proposta de poder expor á administración sanitaria a situación actual e as alternativas co obxectivo de chegar a un acordo conveniado para pór a disposición desa consellería os terreos (ou, no seu caso edificio) nos que relocalizar o centro de saúde. A petición de entrevista aínda non foi contestada a día de hoxe.
Non obstante, Sadamaioría entende que a demanda de traslado do centro de saúde é compartida polo conxunto de todos os grupos municipais. Unha demanda que estamos seguros acadará o consenso político-institucional necesario para ser executada canto antes e que, como tal expresión de consenso, así debería ser asumida como compromiso de futuro por todos os grupos con representación política no Concello de Sada.
Sada, 24 de abril de 2019.




