O goberno municipal propuxo no Pleno da Corporación a inclusión, dentro da solicitude do POS+ ADICIONAL 1/2021 aprobado pola Deputación provincial o pasado 27 de novembro, un reforzo de 162.527,62 euros para o financiamento de gastos sociais extraordinarios.
A proposta inclúe dúas partidas. A primeira irá destinada ao capítulo de reforzo de persoal, técnico e/ou administrativo, adscrito aos Servizos Sociais, co obxecto de apoiar aos equipos actuais, por importe de 37.868,36 euros.
Sada tamén dotará as partidas destinadas a garantir ingresos suficientes ás persoas con baixos ou nulos ingresos económicos, en base aos baremos do Regulamento Municipal de concesión de axudas. As axudas económicas pretenden asegurar a cobertura das necesidades básicas: vivenda, alimentación, electricidade, gastos médicos ou farmacéuticos, transporte, que favorezan a integración, por importe de 124.659,26 euros.
O goberno municipal xa incrementara anteriormente con 70.000 euros o SAF de libre concorrencia e con 30.000 euros as axudas de emerxencia social. Ademais realizouse unha ampliación da dotación das partidas destinadas a garantir ingresos suficientes ás familias, para asegurar a cobertura das súas necesidades básicas, xa fosen estas de urxencia ou de inserción, por importe de 45.960,29 euros.
Sada, 3 de febreiro de 2021.





