Sadamaioría solicita a inclusión na orde do día do pleno ordinario do 23 de febreiro da toma de coñecemento da resolución de expulsión dos concelleiros tránsfugas do Partido Popular.
Nun escrito remitido á Alcaldía de Sada e ante a constatación do coñecemento, tanto por parte desta como da secretaria municipal, da Resolución do Comité Nacional de Derechos y Garantías do Partido Popular (PP), de firmeza de expulsión das/os concelleiros do Grupo Municipal do PP Da. María Soraya Salorio Porral, Da. María José García Freire, D. José Luis Tellado Villares e D. José Luis García Pazos, Sadamaioría reclama a inclusión na orde do día do Pleno ordinario previsto para o 23 de febreiro dos asuntos relativos á toma de coñecemento de dita resolución de expulsión de ditas/os concelleiras/os, co correlativo efecto do pase á condición de non adscritas/os, así como dos efectos corporativos e organizativos derivados sobre o grupo municipal do Partido Popular e da situación do concelleiro D. Sergio García López, á vista do art. 73.3 da Lei 7/1985 e art. 20 do ROM.
Reclamase deste xeito que se poña fin a unha situación irregular que se está dilatando demasiado, ante a pasividade interesada da alcaldesa tránsfuga en manter os beneficios económicos e políticos limitados legalmente para os concelleiros non adscritos.
Sadamaioría leva advertindo desde a moción de censura, que realizará unha oposición leal e dura, apoiando os asuntos de interese xeral como grupo maioritario da corporación, pero actuando con firmeza ante as propostas ilegais do goberno tránsfuga, adoptando todas as medidas necesarias, tanto en vía administrativa como xudicial.
Sada, a 14 de febreiro de 2023