A Comisión Electoral vén de proclamar as candidaturas que concorrerán ás votacións libres e abertas do vindeiro domingo 5 de marzo na OMIX, dando así comezo á campaña de primarias, que remata o venres 3 de marzo.
Continúa o proceso participativo mediante o cal Sadamaioría está a configurar a lista coa que concorrerá ás eleccións municipais de maio deste ano.
A Comisión Electoral, órgano supervisor das primarias abertas de Sadamaioría, proclamou onte a lista de persoas que se candidatan ás primarias para elaborar a formación coa que a organización se vai presentar ás vindeiras eleccións municipais. Unha vez rematado o prazo de inscrición, contabilizáronse un total de dez aspirantes: unha persoa a encabezar a lista e nove para ocupar os seguintes oito postos.
A única persoa que formalizou a súa candidatura para ir de número un foi Benito Portela Fernández, ex-alcalde de Sada, que, en canto sexa refrendado nas primarias, aspirará a recuperar o cargo á fronte do Concello nas eleccións municipais de maio.
Outras nove persoas optan a acompañar a Portela nos postos de saída da candidatura. Son Ricardo Berrocal Fariña, Marcos Villar López, Marisa Rúa Prieto, Rubén Suárez García, Patricia Martínez Abruñedo, Pilar Taibo Fernández, Lucía Gómez Galmán, Rebeca Mouriño Neira e Fernando Fariña Andrade.
As persoas candidatas poderán facer campaña desde hoxe até o 3 de marzo, de cara a recabar apoios entre a veciñanza para a xornada de votacións do domingo 5. Como hai catro anos, será unha votación aberta á participación de toda a cidadanía sadense, que será a que refrende a Portela como cabeza de lista e decida a orde en que o acompañan o resto de aspirantes. Unhas primarias abertas nas que terá dereito a voto toda persoa maior de 16 anos residente en Sada ou vencellada ao municipio.
Ao día seguinte das votacións, procederase á publicación dos resultados das mesmas, que serán proclamados definitivamente pola Comisión Electoral o día 7, como paso previo á presentación pública do primeiro tramo da candidatura de Sadamaioría ás eleccións municipais de maio o 10 de marzo.
(Nota: na imaxe non está presente a candidata Lucía Gómez Galmán)
Sada, 22 de febreiro de 2023.