Costas debe dar resposta favorable á demanda do concello para que se declare a extinción da concesión e acorde a posterior cesión ao Concello de Sada.
A incorporación da Terraza ao patrimonio público municipal, a mellor garantía para a súa conservación e posta en valor.
Instarase á Xunta de Galicia a resolución do expediente de declaración BIC.
O edificio de A Terraza está localizado en dominio público de Costas do Estado e está suxeito a unha concesión outorgada en xullo de 1922. Dita concesión rematou en xullo de 2018. En abril de 2018, o concello de Sada presentou alegacións á petición dunha prórroga da concesión por parte dos actuais concesionarios, alegacións municipais nas que se argumentaba a improcedencia legal desa prórroga.
Unha vez que se resolvan as alegacións, e no suposto de que Costas do Estado declare a non prórroga e a caducidade e extinción da concesión vixente, o goberno de Sadamaioría negociará a súa cesión ao concello para destinalo a equipamento dotacional público cultural conforme á cualificación outorgada polo PXOM de equipamento socio cultural e así poder executar no edificio as obras necesarias e urxentes de conservación e mantemento. Non obstante, o uso hostaleiro na planta baixa podería continuar.
Sadamaioría considera que a incorporación da Terraza ao patrimonio público, xunto á declaración BIC, serían fundamentais para evitar o seu deterioro e para garantir a súa conservación e posta en valor.
Nese senso, o goberno de Sada presidido por Sadamaioría instará da Xunta de Galicia a que se resolva, á maior brevidade, a declaración como Ben de Interese Cultural do edificio A Terraza.
O 20 de febreiro de 2018, publicouse no DOGA a Resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoaba o expediente para declarar Ben de Interese Cultural, coa categoría de monumento, o emblemático edificio.
Ao amparo desa resolución, a Xunta de Galicia incorporou as determinacións do PXOM aprobado definitivamente e aplicou de forma inmediata e provisional, o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os monumentos en particular, en especial no referido ás obrigas de conservación polo actual concesionario e a tutela en casos de transmisión de dita concesión.
A día de hoxe e, pese as reiteradas peticións por parte do Concello, aínda non se resolveu o expediente.
Sada, 6 de Maio de 2019.





