No pleno do pasado xoves 25, o PP e o PSOE de Sada votaron en contra da reforma do Pavillón Municipal de Sada.
O arranxo suporía un investimento de 1.400.882,29 euros con cargo ao remanente de tesourería.
Sadamaioría considera que Sada non pode ter paralizado, case inutilizado e afundíndose o maior equipamento deportivo municipal.
Sadamaioría non entende que é o que pretenden tanto o PP como o PSOE ao votar en contra deste proxecto. Sadamaioría pregunta: daquela cal é alternativa que ofrecen? Que o pavillón se afunda aínda máis? Que os veciños e veciñas de Sada sigan sen poder empregar coas debidas garantías este equipamento deportivo?
O actual estado de deterioro do Pavillón Municipal fixo que a Concellería de Deportes encargase un proxecto para intentar solventar urxentemente as deficiencias. O polideportivo presenta graves deficiencias, sobre todo, construtivas, debido á ausencia de cimentación para as soleiras, posto que o edificio atópase asentado en terreos de “Brañas”.
Segundo se desprende da memoría do proxecto e do estudio xeotécnico, “en los próximos años se seguirán produciendo procesos de asiento en los materiales situados por debajo de la estructura, lo que supondrá un aumento en número y tamaño de las patologías existentes, así como la problable aparición de nuevas patologías que dañaran todavía más la estructura. Siendo posible que estos daños impidan a medio plazo (15 -20 años), el uso de esta estructura con el fin para la que fue construída”.
Polo tanto, para solventar que o pavillón se siga afundido o proxecto propón unha reforma que consiste principalmente na dotación dunha cimentación profunda para evitar que a soleira de planta baixa volva descender debido ás deficientes condicións do terreo sobre o que se asenta.
Ademais, aprovéitase para a renovación total do andar baixo, incluíndo pavimentos, paramentos e instalacións, así como a instalación dunha nova pista de rexina sintética. No primeiro andar proponse a renovación dos aseos e a creación dunha aula. Proponse a renovación da sala do segundo andar, atribuíndolle un novo uso. Así mesmo, exponse o tratamento de humidades e pintado das estancias afectadas. Proponse a incorporación dunha fachada ventilada de ancoraxe oculta como axuda ao illamento térmico das instalacións e mellora estética.
Finalmente se inclúe a adaptación do edifico en materia de accesibilidade, xa que na actualidade non é un edificio adaptado para persoas con mobilidade reducida.
Sadamaioría entende que a reforma do pavillón non se pode demorar máis no tempo debido ás deficiencias detectadas, o que implica que se deba actuar con urxencia para solventar que a instalación non se afunda.
Sada, 29 de abril de 2019.





