Sada necesita, coa maior brevidade posible, dispoñer dun novo Centro de Saúde que conte cunha oferta de servizos de calidade para os seus case 17.000 habitantes e, por riba de todo, que sexa accesible e funcional.
Conscientes de que a situación actual non cumpre coa accesibilidade universal e que implica serias dificultades e limitacións para os seus usuarios, o Concello de Sada instou a Sanidade a incluír a nosa localidade no seu Plan de Infraestruturas e levar a cabo o novo centro na parcela da rúa Lagoa, que o PXOM xa establece como dotacional. Ante esta falta de previsión por parte da Xunta, o goberno local presentou unha proposta de acordo para solicitar á Consellería de Sanidade a súa inclusión, que contou coa aprobación de todos os partidos agás o PP, que se absteu.
Durante o último mandato, a área de Urbanismo puxo en marcha o desenvolvemento do Plan Especial de Reforma Interior, no que se proxecta a construción do edificio sanitario. O obxetivo é obter a parcela, xa sinalada no PXOM, e poñela a disposición do Sergas para que asuma o compromiso dun novo ambulatorio que satisfaga as demandas que as veciñas e veciños levan reclamando desde hai xa moitos anos. O documento, que ordenará o ámbito de solo urbano non consolidado da rúa Lagoa, contempla ademais a prolongación da rúa do campo de fútbol ata conectala coa estrada DP-0812, a creación dunha zona verde e superficies de aparcadoiro, logrando así a súa integración na estrutura urbanística da vila e mellorando as dotacións xa existentes na contorna.
Sada, 21 de maio de 2023.