Sadamaioría propón catro estratexias para seguir avanzando no fomento da actividade económica e na creación de emprego: consolidación e medre dos sectores básicos, axudas e bonificacións fiscais ao emprendemento, xeración de solo empresarial e plans de formación.
De acordo cos últimos datos publicados pola Seguridade Social, Sada é o concello no que máis medrou, en termos relativos (%), a afiliación á SS tanto no último mes, como nos últimos doce meses. É tamén, despois de Arteixo, no que máis medrou no que levamos de ano 2019.
Estes datos, xunto a outros, como a redución do desemprego e mesmo o incremento de poboación, evidencian o avance no dinamismo económico e empresarial de Sada, e que desde Sadamaioría seguiremos potenciando e axudando desde o o goberno.
Catro son os eixos de actuación que Sadamaioría considera prioritarios para o próximo mandato.
O primeiro, apoiando a consolidación e medre de sectores básicos da economía sadense, como son o turismo/hostelería, o deporte náutico, o sector pesqueiro e o comercio.
O segundo, incrementar as axudas e bonificacións tributarias ao emprendemento, implantando a cota tributaria cero para as novas empresas e modificando as ordenanzas fiscais co establecemento de bonificacións e exencións tributarias para as empresas individuais de nova creación e bonificacións para as empresas xeradoras de emprego neto.
O terceiro, mellorando as infraestruturas dos actuais polígonos empresariais (Tarabelo e as dúas zonas de Soñeiro, o polígono Arco Iris e o localizado na N- VI) e promovendo o desenvolvemento dos solos empresariais e terciarios previstos no PXOM (Soñeiro, Meirás e Osedo-Aspace).
E por último, promovendo desde o concello plans e programas de formación axustados ás demandas do tecido empresarial e dos novos xacementos de emprego, para o cal o centro de Formación de Osedo (en fase de obras de acondicionamento e mellora) será instrumento dotacional fundamental para tal obxectivo.
Sada, 18 de maio de 2019.





