Solicita a inclusión expresa da apertura do río Maior, solución aprobada por unanimidade polo pleno da corporación e a recollida no proxecto redactado por Augas de Galicia.
Defende un sistema de regulación gratuíto, como xeito de facilitar a rotación de vehículos en certas zonas de moita afluencia e de favorecer a actividade comercial, e a creación de prazas de aparcadoiro para residentes.
Asemade propón ampliar as frecuencias das liñas de bus existentes, implantar outras novas en zonas carentes de transporte público, afondar e definir novos servizos de interese supramunicipal e mellorar as conexións máis demandadas por diversos colectivos, nomeadamente a mocidade.
Sadamaioría vén de presentar unha serie de suxestións para a mellora do do Plan de Mobilidade Sostible, aprobado inicialmente no pleno municipal celebrado o pasado 30 de marzo e publicado no BOP de data 19 de abril. A formación política solicita a inclusión expresa no documento do proxecto de apertura do río Maior, solución aprobada por unanimidade polo pleno municipal e que se recolle no proxecto redactado por Augas de Galicia, baseado no correspondente convenio asinado entre a Xunta e o Concello de Sada durante o mandato de Benito Portela.
Ao mesmo tempo, Sadamaioría considera necesario reaxustar os planos incluídos no documento do PMS ao estudo de ordenación do bordo litoral encargado polo concello e corrixir a delimitación do ENIL de As Brañas, para, deste xeito, integrar e coordinar no PMS todos os documentos en tramitación.
Tamén suxire implantar un sistema de regulación gratuíto para facilitar a rotación de vehículos en certas zonas de moita afluencia para, deste xeito, favorecer a actividade comercial e hostaleira, e revisar a delimitación das zonas de residentes, para favorecer o uso de vivendas sen garaxe privado e incentivar a rehabilitación. No que respecta aos ámbitos da Tenencia e Fontán, a proposta sería a de incluír referencia e remisión aos plans especiais de protección correspondentes (na actualidade en trámite de avaliación ambiental estratéxica).
Ao respecto do transporte público, Sadamaioría propón ampliar as frecuencias das liñas de bus existentes, implantar outras novas en zonas carentes de transporte público, afondar e definir novos servizos de interese supramunicipal e mellorar as conexións máis demandadas por diversos colectivos, nomeadamente a mocidade.
Finalmente, no que respecta aos aparcadoiros, defende unha modificación da localización dos aparcadoiros disuasorios pois varios deles atópanse en contradición coas cualificacións establecidas no PXOM. Ao mesmo tempo precisa a necesidade de distinguir entre temporais e permanentes, para realizar, de ser o caso, hipotéticas modificacións no planeamento xeral.
Sadamaioría considera necesario incluír esta serie de melloras no PMS, as cales redundarán na mellora da calidade de vida da cidadanía e suporán un avance no cumprimento dos obxectivos de mobilidade sostible.
Sada, 3 de xuño de 2023.