Esta fin de semana culmina o proceso participativo mediante o cal Sadamaioría está a configurar a lista coa que concorrerá ás eleccións municipais de maio deste ano.
As votacións, libres e abertas, terán lugar o domingo, 5 de marzo, no local do baixo da OMIX, na praza da Peixaría, entre as 10 e as 20 horas.
O proceso mediante o cal a Asemblea de Sadamaioría está a elaborar a lista coa que vai concorrer ás vindeiras eleccións municipais vive mañá o seu día grande, coa xornada de votación aberta á participación da cidadanía sadense. A xornada electoral, na que terá dereito a voto toda persoa maior de 16 anos residente en Sada ou vencellada ao municipio, desenvolverase entre as 10 e as 20 horas no local do baixo da OMIX, na praza da Peixaría.
Como hai catro anos, será a veciñanza sadense quen decida os nove primeiros postos da candidatura, incluído o nome do cabeza de lista, que se vota por separado, con urna e papeleta independentes. No caso dos postos 2 ao 9, cada persoa poderá votar por un máximo de 6 aspirantes. A Comisión Electoral realizará o escrutinio, que será público, na propia OMIX en canto finalice a xornada electoral.
Ao día seguinte das votacións, procederase á publicación dos resultados provisorios das mesmas, que serán proclamados definitivamente pola Comisión Electoral o día 7, como paso previo á presentación pública do primeiro tramo da candidatura de Sadamaioría ás eleccións municipais de maio.
Cómpre lembrar que, unha vez rematado o prazo de inscrición nas primarias, a única persoa que formalizou a súa candidatura para ir de número un foi Benito Portela Fernández, ex-alcalde de Sada. Outras nove persoas optan a acompañar a Portela nos seguintes oito postos da candidatura: Ricardo Berrocal Fariña, Marcos Villar López, Marisa Rúa Prieto, Rubén Suárez García, Patricia Martínez Abruñedo, Pilar Taibo Fernández, Lucía Gómez Galmán, Rebeca Mouriño Neira e Fernando Fariña Andrade.
Sada, 3 de marzo de 2023.
Nota: na foto de grupo non está a candidata Lucía Gómez Galmán.