Hoxe, no Día das Artes Galegas, celebramos Luís Seoane. Luís Seoane era republicano, cría nos vellos valores da Liberdade e a Igualdade, nun país de cidadáns e cidadás iguais e libres. Luís Seoane era exilado, un prófugo, unha persoa obrigada a marchar lonxe da súa terra para seguir construíndoa na distancia, como tantas hoxe. Luís Seoane era un home grande en todos os sentidos. Pintou sen cesar as nosas mulleres, os nosos traballadores, o mar do Orzán, os antigos guerreiros dos castros e as muiñeiras das festas do país… Construía Galicias en América, como fixeran tantas persoas próximas. Luís Seoane é un gran pintor, alén de deseñador ou poeta. Amaba Sada e, xunto a Isaac Díaz Pardo, foi a alma do Castro e de Sargadelos. As nosas crianzas brincan entre os brazos dese polbo que debuxou no fondo da Pía do Loureiro. Celebramos hoxe Luís Seoane e celebramos, así, a Sada que o merece.
Sada, 1 de abril de 2019.