A Corporación aprobou a adhesión ao programa PEL-REACTIVA, da Deputación da Coruña, un fondo de financiamento para os Concellos con vistas a paliar os efectos negativos da COVID-19 no tecido empresarial local, autónomos e autónomas e microempresas.
O alcalde de Sada, Benito Portela, anunciou que o Concello abrirá unha segunda liña de axudas a autónomos e PEMES. O anuncio produciuse tras a adhesión do concello ao PEL-Reactiva, fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña, destinado aos concellos de menos de 50.000 habitantes. A través deste fondo, correspóndelle a Sada un importe total de 283.014,28 euros, cunha achega provincial por importe de 226.411,43 euros e unha achega municipal de 56.602,86 euros, que se destinarán a axudas para autónomos e autónomas e microempresas para impulsar a actividade económica e o emprego.
Despois de examinar as solicitudes presentadas dentro do plan de axudas Sada Activa para autónomos e PEMES, co fin de paliar as súas perdas pola situación da COVID-19, e dado que as solicitudes presentadas non chegan ao total de 800.000 euros disposto polo Concello de Sada para esta liña de subvencións, o Goberno Municipal sacará unha nova liña de axudas que se finaciará co remanente do Sada Activa e a contribución da Deputación no PEL-Reactiva.
Sada, 6 de outubro de 2020.