Dende a chegada ao goberno de Sadamaioría son seis os orzamentos que se levan aprobado en beneficio de toda a cidadanía.
O goberno de Sadamaioría logrou este 29 de febreiro a aprobación inicial dos Orzamentos de 2024. As contas saíron adiante co voto a favor de Sadamaioría e BNG, así como a abstención do PSOE. O resto da corporación, Unidos por Sada e PP, votaron en contra. Tal e como se explicou ao longo destes meses, estamos a falar dunhas contas que ascenden a 15 millóns de euros, as máis elevadas da historia do noso municipio, e que contemplan incrementos en todas as áreas de gasto, especialmente en servizos sociais e bens públicos.
Dende Sadamaioría tivemos sempre presente que estas eran as contas que Sada necesitaba. Lamentamos que nin UxS nin PP entendesen que non era o momento de actitudes partidistas, senón de traballar en conxunto por un orzamento que vai beneficiar a nosa veciñanza. O alcalde, Benito Portela, destacou durante a súa intervención que as contas aprobadas “non son cartos do goberno, son cartos de todos os veciños e veciñas e traballaremos para que cheguen a quen máis os necesite e para o que sexa necesario”.
Con esta aprobación son xa seis os orzamentos que Sadamaioría logrou sacar adiante dende a súa chegada ao goberno aló por 2015. Un éxito que se debe ao traballo incansable dos distintos equipos de goberno ao longo destes case oito anos nos que o noso partido estivo á fronte da alcaldía de Sada.
Sempre coa mirada posta no que é mellor para a nosa vila, seguimos traballando.
Sada, 1 de marzo de 2024.