O alcalde de Sada, Benito Portela, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Pilar Taibo, veñen de ser citados a declarar o próximo mes de xuño ante o Xulgado de Instrución Nº1 de Betanzos. Ambos acudirán a declarar en calidade de investigados logo de que a comezos do pasado ano, e tras a moción de censura, a por entón alcaldesa, María Nogareda, presentase unha denuncia ante a Fiscalía polo pago de horas extras e gratificacións á Policía Local.
Curiosamente foi a propia Nogareda quen reclamou en numerosas ocasións formando parte do goberno -e quen autorizou xa como alcaldesa- o que agora se investiga en sede xudicial. Tamén está citada a declarar como investigada a exconcelleira do equipo de goberno tránsfuga de Nogareda, María Pardo.
Desde Sadamaioría seguiremos a defender a inocencia dos compañeiros que soportan dende hai anos unha persecución política que se aproveita dos mecanismos xudiciais para entorpecer un labor de goberno avalada en distintas ocasións pola veciñanza de Sada.
Algúns, algunhas, insisten en buscar na Xustiza o que non acadaron nas urnas; intentan sen éxito lograr por medios espurios aquilo que en repetidas ocasións non foron quen de conseguir por medios democráticos. Afortunadamente Sada tivo, ten e seguirá a ter un goberno íntegro que non se deixa manipular ou chantaxear por intereses que non son os da nosa veciñanza.
Ao longo destes anos, a Xustiza arquivou as distintas denuncias presentadas contra o equipo de goberno de Sadamaioría ao observar que non existían razóns para seguir adiante na investigación xudicial. Así pois, confiamos en que novamente a Xustiza se poña do lado da verdade, da honestidade e do bo facer.
Mentres tanto, seguiremos a traballar desde o goberno local para facer de Sada un concello mellor para toda a veciñanza.
Sada, 9 de maio de 2024.