En relación coa nota de prensa remitida no día de onte polo BNG de Sada, Sadamaioría precisa o seguinte :
1.- Sorprende, e moito, que o BNG se decatase agora das determinacións do PXOM respecto dos terreos onde se sitúa o Náutico. Unhas determinacións que, como norma xeral, establecen que debe quedar libre de edificacións e nas que non se admite o uso de equipamentos.
Un PXOM que aprobou o BNG e que, en ningún momento do seu proceso previo de negociación entre os grupos de goberno, foi obxecto de alegación, observación ou suxerencia ningunha pola súa parte en relación co Náutico.
Xamais o BNG dixo nada respecto do Náutico e a súa ordenación no PXOM ata que agora se vai proceder, en execución de sentenza, á sua demolición.
2.- Nin o alcalde nin o grupo municipal manobraron para demoler o Náutico. Non é manobrar darlle cumprimento, en 2018, a unha sentenza xudicial firme desde hai máis de 18 anos.
O BNG debería saber que o que se podía facer e era viable en 2009 (unha licenza de legalización con demolición parcial) xa non é posible en 2018, ao ser distintas as condicións de ordenación e de usos, como tamén debería saber que unha modificación puntual do PXOM que tivese como finalidade a de eludir o fallo da sentenza, sería nula de pleno dereito, tal e como consta no informe-proposta que vai a Pleno.
Unha tramitación de modificación do PXOM que tampouco sería causa suspensiva da execución dunha sentenza. Unha sentenza que, como ben sabe o BNG, e así o advertiu esa organización no seu momento, de eludir a sua execución, deriva en responsabilidades penais, xa coñecidas en Sada.
3.- Na Comisión Informativa do vindeiro luns, Sadamaioría agarda que o consenso das forzas progresistas, ao que alude o BNG, se concrete no apoio á execución dunha sentenza que anula o proxecto do Náutico e que obriga á sua demolición, porque é de xustiza desde hai moitos anos.
Sada, a 22 de setembro de 2018.