Sadamaioría reclama unidade de acción, tamén xudicial, para poñer fin á detentación polos Franco do Pazo de Meirás. Sexa ou non un globo-sonda, a pasividade da Xunta xoga a favor dos herdeiros do ditador.
En relación ao anunciado hoxe na prensa polo que se confirma que o Pazo de Meirás está a venda nunha coñecida inmobiliaria de luxo cántabra, Sadamaioría demanda a presentación inmediata da vía xudicial civil (acción de nulidade) contra do título de propiedade dos Franco, así como a correspondente anotación preventiva no Rexistro da propiedade
Calquera terceiro que pretenda adquirir o Pazo debe saber as suas cargas, as que xa ten, por ser BIC, e as que debe ter de inmediato se, como demanda Sadamioría, a Xunta ou, no seu caso, outras administracións lexitimadas, exercen a acción de nulidade e a anotación rexistral de dita demanda.
O que vén pedindo Sadamaioría é tanto máis urxente cando queda confirmado que as pretensións dos herdeiros do ditador é facer caixa coa venta do Pazo, detentado ilegalmente ao ser o resultado dunha compra-venta simulada (por ser en realidade unha donación) e, por tanto, fraudulenta e nula. E Sadamaioría tamén advirte que, de ser o caso, a transmisión do Pazo a un terceiro suporía unha dificultade engadida ao obxectivo de incorporación, a custo cero, do Pazo a Patrimonio público.
Sexa ou non un “globo sonda”, a realidade é que a pasividade ou retraso no exercicio das accións xudiciais beneficia aos Franco, polo que é urxente que se actúe de xeito inmediato conformando unha fronte reivindicativa dende as diferentes mesas e órganos de participación, nomeadamente a Comisión de Expertos da Xunta de Galicia e a Xunta pro devolución da Deputación de A Coruña, ambas con representación do Concello de Sada.
Neste sentido a semana vindeira o Concello de Sada, nas reunións de ambas Comisións, vai propoñer unha estratexia xurídica que debe comezar pola presentación de dita acción de nulidade, sen prexuízo doutras que se acorden.
O Concello de Sada está e estará presente en todos cantos foros teñan o obxectivo da extinción da detención do Pazo de Meirás polos herdeiros do ditador Franco, e sumarase ou adherirase aos procedementos xudiciais conta tal obxectivo.