No pleno do xoves 28 de novembro, someterase a aprobación o orzamento xeral de 2020, que suma 13.114.647 euros, cun incremento do 2’82% respecto de 2018.
Aumenta novamente a partida orzamentaria destinada a emerxencia social e increméntase o investimento en Sanidade, Educación, Cultura e Deportes.
O grupo municipal de Sadamaioría defende no pleno deste xoves un proxecto de orzamento para 2020 que afonda nas liñas de investimento xa deseñadas no mandato anterior, nun concello que continúa libre de débeda.
O capítulo 2, de Protección Social, verase incrementado nun 10,36%, acadando un investimento de 1.591.776,30€, que fará fronte ao aumento no gasto do Servizo de Asistencia no Fogar Dependencia, do servizo de Xantar na Casa, no SAF básico ou en emerxencia social.
O documento, que cumpre cos obxetivos de estabilidade orzamentaria e nivel de endebedamento, contempla unha subida tamén no investimento destinado ao capítulo de Bens Públicos, con reforzos nas áreas de Sanidade, Educación, Cultura e Deportes. Máis bolsas escolares (para transporte e material), maior gasto no mantemento dos centros escolares e a implantación do servizo de comedor escolar no CEIP Sada e Contornos. No ano no se celebrará o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo, prevese un investimento maior en Cultura.
O capítulo de investimentos inclúe o crédito necesario para levar a cabo o derrubo do edificio do Náutico, dando así cumprimento ao compromiso electoral de Sadamaioría e ao acordado no Pacto de Goberno. Así mesmo recóllese o crédito para a reparación de catro pistas polideportivas nas parroquias do Concello, para a reforma da cuberta do edificio da Axudantía, para a adquisición de mobiliario e equipamentos e para a conservación de camiños municipais.
Segundo Pilar Taibo, concelleira de Facenda, “son uns orzamentos pensados por e para a xente. É a forma de facer política que ten este goberno, onde se priman as necesidades sociais, a protección dos máis desfavorecidos, a Educación e a Cultura como piares fundamentais da nosa sociedade.”
Sada, 27 de novembro de 2019.