Esta mañá participamos na concentración en defensa dos dereitos da comunidade educativa da escola de Carnoedo e contra o peche do centro, ante unha nova evidencia da falta de compromiso da Xunta de Galicia co ensino público e co medio rural.
O mesmo día do anuncio do peche, efectuado por sorpresa, e tras reunirse coas nais e pais afectados, o alcalde trasladou á Xunta de Galicia o rexeitamento da comunidade escolar e do goberno local á decisión arbitraria e repentina de pechar a Escola unitaria de Carnoedo co curso en marcha e instou ao goberno autonómico a explorar vías de acordo de cara á matrícula do vindeiro ano. Nesa liña, o alcalde convocou de inmediato a Xunta de voceiros, que acordaron o apoio de todos os grupos da Corporación a unha declaración institucional e a manter unha fronte común a prol da continuidade do centro.