O proxecto, que conta cun orzamento de 709 mil euros, financiado ao 80% pola Unión Europea, suporá un aforro anual de oitenta mil euros.
O Pleno do próximo xoves resolverá sobre a aportación municipal, un total, de 142.000€, o 20% do total.
O Pleno Municipal do vindeiro xoves, 25 de abril, e previo ditame da Comisión informativa deste luns, resolverá sobre a aportación municipal ao Proxecto de aforro e eficiencia enerxética, que inclúe, en proxectos separados, tanto o relativo ao centro urbano como as parroquias.
Os mencionados proxectos, financiados ao 80% polo FEDER-2014-2020, dentro do Programa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono, conta cun orzamento global de 709.545,13€, dos cales o concello aporta o 20% (141.909,02€), sendo subvencionados pola UE o 80% restante (567.676,10€).
Sadamaioría considera de gran relevancia e impacto a participación de Sada neste programa de mellora e eficiencia enerxética, por canto o seu impacto económico e, sobre todo, ambiental é moi significativo. De acordo coa memoria dos proxectos, unha vez implantadas as medidas, a redución de gases de efecto invernadoiro será de -358,2 tCo2 e suporá tamén un aforro de 687.410 kWh/ano, o que equivale a un aforro económico para o Concello de case 80.000 €.
Os proxectos inclúen tanto a substitución de luminarias, como de instalacións operativas (cadros de instalacións, etc).
As novas instalacións disporán de luminarias LED de última xeración e elevada eficiencia, reducido consumo, e tamén evitarán a contaminación lumínica nocturna.
Sada, 20 de abril de 2019.




