En relación co anuncio efectuado no día de hoxe polas concelleiras do Grupo Municipal do PSG-PSOE de Sada de abandonar o goberno de Sada, o Alcalde, Benito Portela, quere precisar o seguinte:
1.- En ningún momento o Grupo Municipal do PSG-PSOE de Sada se puxo en contacto co Alcalde para manifestarlle previamente as súas intencións. O Alcalde foi coñecedor desta decisión polo anunciado en rolda de prensa e pola comunicación presentada por rexistro de entrada no concello no día de hoxe.
2.- A decisión unilateral das concelleiras do PSG-PSOE de Sada de abandonar o goberno de progreso de Sada non se ampara en motivos reais ou na existencia de discrepancias graves, alén de asuntos puntuais, normais en calquera goberno de coalición. O PSdeG-PSOE marcha do goberno de Sada por simple manobra electoral de cara as eleccións municipais do ano 2019. Unha renuncia-pasarela electoral sen máis causa que o escenario electoral de maio 2019 e as manobras ao respecto.
3.- O motivo aludido polas concelleiras, o proxecto sobre a praia para inlcuír no POS+ 2018, non acadou o consenso necesario dentro do goberno para incluílo dentro das propostas da Alcaldía, ao igual que sucedeu no POS+ do ano 2017. Un proxecto como o proposto non pode tratarse como unha actuación singular sobre a praia, senon que debe ter encaixe nun proxecto máis amplo, de reurbanización integral do borde litoral de Sada, dende o edificio o Náutico até o Curruncho. E, en calquera caso, unha discrepancia desta natureza non pode ser causa de abandono dun goberno. Un abandono que só pode explicarse pola inmediatez electoral.
4.- O goberno tripartito de Sada, que hoxe rachou de xeito unilateral por parte das concelleiras do PSG-PSOE de Sada, conformouse no ano 2015 por parte de Sadamaioría, PSG-PSOE e BNG baixo tres principios: de unidade de xestión e solidariedade, de autonomía e de eficacia. E baixo eses principios funcionou o goberno acadando consenso nas grandes cuestións que se abordaron, nomeadamente, o PXOM e os Orzamentos Municipais dos tres últimos anos.
5.- O abandono de xeito unilateral por parte das concelleiras do Grupo Municipal do PSG-PSOE do goberno de Sada e o seu paso á oposición xunto co Partido Popular e o PDSP, as sitúa na fronte a un goberno de progreso. Unha irresponsabilidade tanto en clave local como galega ou estatal, e manifestamente contraditoria co que debería ser a práctica dun partido de esquerda ante o escenario de dereitización do panorama político.
6.- O Alcalde de Sada continuará traballando co resto dos concelleiros e concelleiras que forman parte do goberno para defender os intereses dunha Sada solidaria e de progreso.
Sada, 19 de decembro de 2018.