O orzamento é de 1.400.882,29 euros e inclúe, desde unha micropilotaxe de cimentación, ata novos vestiarios e unha nova fachada envolvente.
O investimento, financieiramente sostible, poderá executarse pola boa situación económica do concello, cun remanente de tesourería do Concello de Sada no 2018 de 4.474.285,21 euros.
No día de onte foi convocada polo alcalde a Comisión Informativa Xeral do Concello de Sada na que, entre outros puntos da orde do día, se inclúe un modificativo de crédito do Orzamento en vigor para incorporar, desde o remanente de tesoureira, os fondos precisos para sacar a licitación o arranxo do pavillón polideportivo municipal.
O actual estado de deterioro do pavillón municipal fixo que a Concellería de Deportes, dirixida por Zeltia García, encargase un proxecto no que se plantea unha reforma integral que consiste na mellora da cimentación dos solos da planta baixa, con micropilotaxe para evitar seu afundimento, e unha transformación profunda do interior, tal como a creación dun aula no primeiro andar, así como a renovación dos vestiarios. Ademais, no segundo andar, renovarase a sala existente para destinala aos usos que se consideren por parte do Concello. Finalmente, incorporarase unha fachada ventilada de anclaxe oculta, como axuda ao aillamento térmico das instalacións e súa mellora estética.
Polo tanto, a renovación formúlase desde catro liñas de actuación: solventar os fallos construtivos, mellorar a accesibilidade, adaptar as instalacións e mellorar súa funcionalidade.
Segundo o proxecto encargado, o arranxo supón un investimento de 1.400.882,29 euros, gasto que se considera financeiramente sostible segundo a normativa legal, e que permite empregar o remanente para realizar este tipo de actuacións dotacionais cando, como é o caso de Sada, o concello cumpre cos requisitos de solvencia económica e pago a provedores.
Noutra orde de cousas, segundo a liquidación do Orzamento do 2018, aprobada por resolución do alcalde no día de onte, o remanente de tesourería xeral para gastos xerais é de 4.474.285,21 euros. Esta cifra vai permitir tanto manter unha marxe elevada de solvencia ante calquera continxencia negativa derivada da execución de orzamentos futuros do Concello de Sada, como agora poder incorporar ao orzamento en vigor proxectos que, como os da mellor da pavillón, son unha necesidade urxente e unha demanda da cidadanía.
Sada, 16 de abril de 2019.




