O Concello de Sada sube máis dun 4% nos datos de renda bruta no INE do ano 2017 e pasa do posto 11 ao 8, adiantando a Vigo.
O ano pasado o Instituto Nacional de Estatística (INE) publicaba os datos de renda bruta dos concellos de Galicia, onde Sada aumentaba dous postos, pasando do 13 ao 11, cun aumento do 5,6%, e moi preto de Vigo que ocupaba entón o décimo posto da comunidade con 25.871€. Este ano Vigo baixa un posto e Sada ascende tres, colocándose no grupo dos dez primeiros concellos de Galicia en renda bruta, concretamente no oitavo posto con 26.787€ por habitante.
Sada ven encamiñando subidas constantes desde o ano 2015 no referente á renda das familias. Situado no posto 14 nese ano, vén subindo desde entón, ata que onte o INE colocaba a Sada dentro dos dez concellos con maior renda de Galicia, concretamente no oitavo posto e sendo, xunto con Baiona, o Concello que máis aumentou a renda no 2017 cun aumento por enriba do 4%, cando a tendencia foi á baixa en concellos limítrofes.
Para o alcalde de Sada, Benito Portela, estes datos “hai que tomalos con cautela e esperar que se produzan por un aumento de afiliacións á Seguridade Social dos veciños e veciñas que reflexe o reparto da riqueza do municipio”.
Precisamente a enquisa correspondente ao pasado ano, establece un total de 5.572 (2.903 homes e 2.669 mulleres) afiliados á Seguridade Social no municipio de Sada. A evolución deste dato desde abril de 2011 foi significativa. Nesa data Sada contaba con 5.350 afiliados. Malia que o municipio seguiu aumentando habitantes (de 14.922 en 2011 pasou a 15.150 en 2015), o número de afiliados á Seguridade Social foi reducíndose anualmente no período 2011-2015, ata chegar a 4.996 en xuño de 2015 e, como consecuencia, a renda dispoñible bruta por habitante rexistrou o peor resultado da última década no ano 2014.
Desde xuño de 2015, Sada foi recuperando ese dato e os afiliados á Seguridade Social medraron cada ano no municipio. En xuño 2016 contabilizábanse 5.194 afiliados, en xuño 2017 un total de 5.342 e finalmente en xuño de 2018 estableceuse o mellor dato de afiliados en Sada desde o 2011, contabilizando un total de 5.572.
Sada, 2 de outubro de 2019.