Este mércores o Xulgado de Instrución número 3 de Betanzos comunicou a apertura de procedemento abreviado contra o alcalde, Benito Portela, a concelleira de Seguridade Cidadá, Pilar Taibo e o concelleiro de Obras e Medio Ambiente, Fernando Fariña, pola suposta comisión dun delito leve de prevaricación administrativa ou, alternativamente, de infidelidade na custodia de documento público.
Cómpre destacar, primeiro de todo, que este auto que vimos de coñecer non implica o inicio de xuízo contra ningún deles. É máis, o mesmo non é firme, polo que caben distintos recursos que serán presentados nos vindeiros días. Sadamaioría mantivo e mantén que non hai indicios suficientes para continuar có procedemento e, por suposto e ante todo, defende a inocencia do alcalde e dos concelleiros investigados.
A investigación xudicial parte dunha demanda realizada no seu momento polo ex xefe accidental da Policía Local, Juan Carlos Arias, quen presentou a denuncia nos xulgados once días despois de ser cesado polo goberno como xefe accidental da Policía Local.
Cremos firmemente que non existen fundamentos que motiven esta investigación. Entre outras cuestións, o auto non describe cal foi a conduta concreta constitutiva de delito dos investigados e o concelleiro Fernando Fariña (no seu momento secretario particular do alcalde) nunca foi citado polo xulgado como investigado, só como testemuña.
Agardamos que esta inxustificada investigación quede arquivada, ao igual que aconteceu no pasado con outras denuncias presentadas sen ningún tipo de fundamento contra o equipo de goberno de Sadamaioría. No entanto, seguimos a traballar polo benestar do veciños e veciñas de Sada.
Sada, 21 de decembro de 2023.