O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou integramente a demanda interposta contra a familia do ditador Francisco Franco e declara ao Estado propietario do Pazo de Meirás, polo que condena á familia Franco á devolución do inmoble sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma incorrer para o mantemento durante décadas.
Trátase dunha sentenza impecable desde o punto de vista xurídico que confirma o que sempre defendeu o concello de Sada, tanto na comisión de expertos, como na vía xudicial e pon fin, coa cautela de ser recorrible a sentenza: á detentación ilegal e fraudulenta polos Franco da propiedade do Pazo. O fallo tamén recolle algo que o concello de Sada sempre demandou: a actuación de mala fe dos Franco, e, por tanto, a non liquidación posesoria.
Nun día histórico para Sada e para Galiza, a verdade xurídica, en forma de sentenza, súmase ás demandas da cidadanía, de colectivos, entidades e asociacións de defensa da memoria democrática.
A incorporación do Pazo ao patrimonio público permitirá o seu destino ao uso dotacional público que prevé o propio PXOM de Sada.
Sada, 2 de setembro de 2020.