En relación á execución da sentenza que obriga á demolición total do Náutico, e ao acordo plenario do pasado xoves, 27 de setembro, Sadamaioría precisa o seguinte:
Primeiro.- Hai que executar unha sentenza firme, que é ineludible, e que obriga á demolición total da Cafetería O Náutico. Non hai alternativa posíbel e legalmente viable. O que quedou enriba da mesa o pasado xoves é a demolición do Náutico, eludindo e aprazando unha sentenza firme de hai 18 anos. PP, PSOE e BNG pediron informes. Teranos. E o asunto volverá a Pleno.
Segundo.- O PXOM de Sada é un documento negociado e consensuado dentro do goberno municipal de Sada, que incluiu a determinación de interese público de que os espazos libres deben quedar, en xeral, libres de edificacións. Un criterio que se aplica en todo o Concello e que debe incidir, especialmente e de xeito reforzado, no noso ben máis prezado, o bordo litoral e o seu horizonte mariño, conformado pola praia, a Ría e a Terraza (en trámite BIC).
Terceiro.- O PXOM entrou en vigor en xaneiro de 2018. Nove meses despois, unha das propostas alternativas ao derrube do Náutico é plantexar unha modificación puntual do PXOM para darlle encaixe ao edificio. Modificación que sería nula de pleno dereito, dado que non ten mais obxectivo, como así recoñecen os propoñentes, que eludir fraudulentamente a demolición. Non se entende esta alternativa porque nin o BNG, nin tampouco o PSOE, nada alegaron ao PXOM aprobado inicialmente. Nada alegaron nin nada dixeron despois. Nin nos Plenos nos que se aprobou provisionalmente, nin nas negociacións que dentro do goberno houbo sobre dito PXOM. Xamais comentaron nada sobre o Náutico. Pero o que si sabían e coñecían eran as sentenzas ditadas e pendentes de execución. Como é que nun asunto desta trascendencia non se preocuparon de ler o PXOM? Semella, mais ben, que o BNG e o PSOE estaban máis preocupados por amañar outros asuntos de diversa índole que no asunto do Náutico.
Cuarto.- A moción do ano 1994 do PSG-EG, que de xeito extemporáneo, manipulador e deleznable foi exhibida pola portavoz do BNG no último Pleno, e agora publicitada polo BNG, é unha moción anterior á firmeza da sentenza que obriga á demolición total do Náutico, e nun contexto e situación completamente distintas ás actuais, tanto respecto ao estado daquela do edificio como ao planeamento urbanístico. E é especialmente deleznable cando a persoa á que se refire está falecida hai anos, e cando o BNG é sabedor de que o que en realidade sempre defenderon Manolo Crisanto e a sua xente foi reparar o erro cometido cando o Pleno, co voto en contra del e do seu grupo, acordou autorizar a construción do Náutico. O que sempre defendeu Manolo Crisanto foi que ese territorio, ese paseo marítimo, mellorarían, e moito, co terreo libre de edificacións, despexando vistas e horizontes. Que para defender a sua postura de legalizar o Náutico, o BNG invoque a Manolo Crisanto é mostra das miserias da política en época pre-electoral. Non todo vale, e deberían sabelo no BNG.
Quinto.- A Sada non lle sobran xardíns, como dixo a portavoz do Psoe, nin se precisan almacéns en sotos anegados, como propuxo Anido. Nin tampouco é viable modificar un PXOM para que o edificio ilegal permaneza, como propón o BNG. O que lle sobra a Sada é o Náutico.
Asemblea de Sadamaioría
Sada, 30 de setembro de 2018





