A oposición amosa unha vez máis a súa incapacidade para atender ao benestar dos sadenses priorizando intereses partidistas por riba dos intereses veciñais
O pleno ordinario deste mes deixounos novamente unha imaxe lamentable para quen traballamos por facer desta vila un lugar mellor no que vivir. Unha oposición que novamente deixou de lado os intereses de Sada co obxectivo de danar o traballo do equipo de goberno. Só baixo esa premisa, a dos intereses partidistas, pode explicarse que Unidos por Sada, PP e PSOE bloqueasen a aprobación de 845.000 euros en investimentos que asumiría a Deputación da Coruña.
Bloqueou a oposición os investimentos porque entenden que este Concello non dispón dos terreos para os que se prevían os investimentos. Que lle expliquen á veciñanza de Fontán que o Concello de Sada non pode arranxar a rúa do camiño de Ferrer; que lle expliquen á veciñanza que non se poden arranxar as instalacións deportivas do CEIP de Mondego demandadas pola comunidade escolar; que lle expliquen á veciñanza que non se pode construír un aparcamento a carón da piscina municipal.
Do partido dos tránsfugas pouco podemos agardar, ao longo do presente mandato amosaron que con tal de atacar a xestión do equipo de goberno están dispostos a danar a imaxe de Sada. Que dicir do PP, o historial da súa desastrosa xestión na nosa vila fala por si mesmo. Con todo, resulta especialmente sorprendente a posición da única concelleira do PSOE. Almudena Pena aplaudía na mañá do xoves as reflexións do presidente da Deputación, Valentín Gonzalez Formoso, para pola tarde paralizar os investimentos procedentes do organismo provincial que gobernan os seus compañeiros de partido.
En Sadamaioría temos claro cal é o proxecto que Sada necesita e seguiremos traballando para acadalo.
Sada, 31 de xaneiro de 2025.