A apobación do Plan de Conservación avoga pola posta en valor deste humidal e permitirá a creación dun anel verde peonil.
Sadamaioría defendeu sempre a necesidade de poñer en valor, protexer e ordenar un espazo ecolóxico privilexiado como é o humidal das Brañas. En febreiro de 2020, o espazo das Brañas acadou a designación provisional de espazo natural de interese local (ENIL) pola Xunta de Galicia.
Remataban así máis de catro anos de tramitación por parte da administración autonómica desde que fora solicitado por iniciativa do goberno de Benito Portela. Un paso determinante na loita pola posta en valor e protección deste espazo natural da contorna de Sada. Segundo Portela, “a implantación de medidas activas que garanten a conservación e recuperación das Brañas, así como súa posta en valor como o factor sostible no desenvolvemento económico e social de Sada é un fito decisivo de cara ao futuro deste espazo”.
O plan de conservación presentado desde a Concellaría de Medio Ambiente, xestionada por Marisa Rúa, foi aprobado por unanimidade do Pleno en decembro de 2021 e identifica os valores que hai que protexer e os posibles riscos que poidan afectar aos valores naturais. O ENIL define os usos permitidos no humidal e regulará o acceso dos visitantes, garantindo en todo momento a conservación do espazo e a seguridade dos propios visitantes. Prevé unha vía periférica, vías de uso restrinxido, camiños, sendas e vías de servizo que dan acceso aos predios existentes, e as vías destinadas ao uso público.
Destaca o acceso peonil que partindo do extremo sur do humidal daba servizo ás antigas Telleiras e aos pozos de escavación contiguos. As actividades de uso público no interior do humidal limitaranse, empregando vías convenientemente indicadas, incluíndo nelas sinalización ou información relativa ao réxime de uso.
As visitas realizaranse a pé, permitíndose o uso de cadeiras de carriños de bebé, cadeiras de rodas ou doutros aparellos para o desprazamento das persoas con mobilidade reducida, naqueles tramos onde as condicións o permitan. Haberá un anel verde de carácter público que permitirá o achegamento dos veciños e veciñas de Sada ao medio natural co máximo respecto e sen que este feito implique a perda de valores ecolóxicos, ambientais, culturais e paixasísticos do espazo.
O plan inclúe a posta en marcha actividades de educación ambiental e de divulgación etnográfica a través da rehabilitación das instalacións como a telleira.
O Concello está á espera de poder realizar o Plan Especial para comezar a obtención da superficie de sistema xeral de espazos libres. Coa incorporación dos terreos ao dominio público e a súa afectación aos usos dotacionais previstos no PXOM, garantirase a preservación e posta en valor das Brañas, cos usos admisibles establecidos no Plan de Conservación do ENIL, e no propio Plan especial de Protección.
Sada, 11 de xaneiro de 2022.