O convenio coa Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña, impulsado polo Concello de Sada, servirá para realizar obras de prevención de inundacións na desembocadura do Río Maior cun orzamento de 1,5 millóns de euros.
Benito Portela lembra que esta “é unha actuación que o Concello de Sada ven reclamando á Xunta de Galicia desde maio de 2016”.
O alcalde de Sada, Benito Portela, indicaba esta mañá que o convenio para a mellora do funcionamento hidráulico do río Maior, no núcleo urbano de Sada, “é unha boa noticia”. Portela lembra que esta “é unha actuación que o Concello de Sada ven reclamando á Xunta de Galicia desde maio de 2016 para minimizar o mal funcionamento, á insuficiencia de capacidade de desaugue, e os continuos atrancos dos ríos Maior e Fontoria no treito final”.
Portela lembra que “grazas á declaración de ARPSI, hoxe é unha realizade o convenio para a realización de actuacións na zona”. “É a propia Xunta de Galicia quen sinala que esta actuación pode considerarse como unha primeira medida das que corresponda acometer pola declaración desta zona como Área de Risco Potencial de Inundacións, de tal xeito que contribuía a minimizar os riscos de inundación”.
A proposta dun convenio entre distintas administración para realizar actuacións que eviten inundacións en Sada foi presentada polo Concello en maio de 2016 a Augas de Galicia. Despois de que o Parlamento Galego non aceptase en febreiro de 2017 unha enmenda aos orzamentos da Xunta de Galicia, que buscaba un convenio para a obra de canalización do Río Maior, o alcalde de Sada solicitou ao día seguinte unha entrevista co director de Augas de Galicia para acordar a cooperación institucional e propoñer de novo un convenio. Portela xa advertía de que as inundacións do 2016 poderían repetirse: “Estamos aquí para resolver os problemas da xente e que poidan suceder máis inundacións en Sada é un problema grave.”
Sada, 20 de febreiro de 2020.