Hai dez anos comezamos algo máis ca un mandato. Comezamos un camiño colectivo, unha realidade compartida por centos de persoas que crían que Sada podía ser diferente; que non estabamos condenados á resignación, á inercia ou aos intereses de sempre. Hai dez anos abrimos as portas do Concello a outra maneira de facer política. Cun proxecto feito desde abaixo, sen padróns e sen tutelas. Dende aquel día —medre a choiva ou faga sol— non deixamos de traballar por un concello máis xusto e máis humano. Por unha Sada mellor.
Non foi fácil. Nunca o é cando se decide poñer ás persoas no centro. Cando se toca o que outros daban por feito. Cando se gobernan as institucións sen esquecer de onde vimos.
Ao longo destes anos tivemos que facer fronte a resistencias moi duras, a intentos de frear este camiño por medios afastados do debate político ou da vontade popular. Houbo quen tentou -e intenta- dobregarnos con denuncias, presións e estratexias que buscan desgastar o proxecto lonxe das urnas. Mesmo chegaron a arrebatar o goberno durante seis meses cunha moción de censura urdida ás agachadas, movida por intereses persoais máis que polo interese xeral. Pero a resposta foi clara: o pobo de Sada ergueuse e falou, e nese clamor recuperamos non só o goberno, senón a forza colectiva que sempre nos sostivo. A vosa forza.
Dez anos despois, Sada é outra. Somos un concello vivo, que se move, que avanza. Medramos en veciñanza, en confianza e en proxectos de vida. Hoxe Sada é un lugar onde a xente quere estar. E iso non é casualidade: é o resultado dun modelo, dun rumbo claro e dunha forma de gobernar coa xente e para a xente.
Reforzamos os servizos sociais como nunca antes, multiplicando as axudas e reforzando equipos e atención. Investimos en todas as parroquias: melloramos o saneamento, arranxamos camiños, impulsamos novas sendas peonís e construímos beirarrúas que conectan, que achegan, que fan máis segura e amable a mobilidade no día a día. E iso nótase: nas praias, na vida parroquial, nos desprazamentos, na calidade de vida. Tamén medramos economicamente: hoxe Sada ten máis empresas, máis persoas traballando, máis oportunidades para facer vida na nosa vila das que tiña hai dez anos. Non son opinións, non son valoracións. Son datos que falan por si mesmos.
Nestes dez anos apostamos pola memoria fronte ao esquecemento recuperando o Pazo de Meirás como símbolo de dignidade antifranquista e loita polos dereitos humanos. Agora é fundamental facer deste espazo un Lugar da Memoria. Consolidar o Pazo como unha referencia europea na recuperación da Memoria Histórica e na posta en valor de toda a súa contorna. Somos conscientes de que non rematou o periplo xudicial, somos conscientes de que non podemos facer sós este traballo, pero é unha obriga moral para con todas as persoas que padeceron a ditadura franquista.
Con todo, esta celebración dunha década de goberno non debe ser só un balance, xa que o traballo feito non pode resumirse nunhas poucas palabras. Á vista están os feitos. Isto tamén é unha chamada a todos e todas vós.
Vivimos tempos difíciles. Tempos nos que as forzas reaccionarias asoman coa intención de desmontar o que construímos entre todos e todas. Presionan, manipulan, sementan medo e ruído. Queren convencernos de que nada serve, de que todo está mal, de que é mellor renderse ou volver atrás. Pero non debemos ceder. Non debemos perder a esperanza nin deixarnos arrastrar por discursos que buscan paralizarnos. Porque sabemos o que conseguimos e sabemos que merece a pena seguir defendéndoo.
Porque se chegamos ata aquí, foi para seguir. Para construír a Sada que aínda soñamos: máis igualitaria, máis xusta, máis solidaria, máis viva, máis nosa. Unha Sada con mellores servizos e equipamentos públicos. Un lugar onde vivir non sexa un luxo. Onde o común se coide. Onde a cultura se celebre. Onde gobernar signifique escoitar, aprender e avanzar.
A nosa forza foi sempre a mesma. Fostes vós, a xente que nos acompaña nas rúas, nas parroquias, nos plenos, nas asembleas, nas festas… Nos días bos e nos días duros. Porque este proxecto non é dun alcalde nin dun goberno: é dun pobo que decidiu tomar a palabra e merece ser respectado.
Dez anos despois, podemos dicilo con orgullo: pagou a pena. Pero sobre todo, merece o futuro. Porque o futuro, en Sada, é voso. Da veciñanza orgullosa de vivir nesta vila.
Seguiremos traballando para entregarvos ese futuro. Xuntas. Xuntos.
AVANTE, SADA!
En Sada, xuño de 2025