No pleno celebrado este xoves tamén foron aprobadas as subvencións a deportistas de 2023 e o Plan Estratéxico de Subvencións.
Durante a sesión, deuse lectura dunha declaración institucional impulsada polo executivo de Benito Portela con motivo do Día do Orgullo.
O goberno local de Sadamaioría acadou no pleno ordinario deste xoves o respaldo a un relevante expediente de modificación de crédito de preto de 2,9 millóns de euros do remanente de tesourería, que segundo a liquidación do orzamento do 2023 ascende a 4,8 millóns de euros.
O alcalde agradeceu o compromiso coa vila dos grupos que facilitaron a aprobación deste expediente, PSOE e BNG; menos altura política tivo o resto da oposición. PP e UxS amosáronse unha vez máis incapaces de traballar polo benestar da veciñanza. A pesar de recoñecer que non estaban en contra dos investimentos, o seu afán por paralizar a actividade do goberno levounos a votar en contra de que Sada puidera mobilizar eses cartos para dedicalos a distintas infraestruturas e equipamentos municipais.
Tal e como se informou estes días, a proposta de investimentos abarca dende melloras en vías urbanas e parroquiais, ata a creación de novas infraestruturas de mobilidade. Ademais, o Concello poderá executar notables melloras de saneamento en parroquias e casco urbano, así como reforzar a seguridade no municipio e mellorar o estado das infraestruturas educativas.
O goberno local tamén lamenta que, desta vez co voto de PP, UxS e PSOE, non saíse adiante o pago de distintas facturas que o Concello debe a distintos provedores. Entre as mesmas, había pagos de alumeado público ou de dereitos de autor, mais tamén facturas de comerciantes e empresas de Sada. A oposición será responsable de explicarlle á veciñanza por que consideran que os nosos comercios non teñen dereito a cobrar polos traballos ou servizos prestados á administración. Sadamaioría sempre estará a carón do noso tecido produtivo.
OUTROS ACORDOS APROBADOS
Por outra banda, o goberno local acadou a aprobación doutros puntos relevantes que tamén se presentaban para o seu debate no pleno ordinario de xuño, como as subvencións a deportistas de 2023 e o Plan Estratéxico de Subvencións 2024-2026. No primeiro caso, os traballos realizados pola concelleira de Deportes, Rebeca Mouriño, permitirán aos deportistas contar coas axudas do Concello de Sada a pesar dos atrasos na tramitación administrativa das mesmas. O PES permitirá ao goberno local ser máis dilixente na tramitación do conxunto de subvencións que se outorgan a distintas entidades, asociacións ou colectivos da nosa vila.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL
Baixo a iniciativa do goberno local, deuse lectura no pleno a unha declaración institucional con motivo da celebración do Día do Orgullo. Neste caso a unanimidade do pleno permitiu que o Concello de Sada manifestase “o seu compromiso inquebrantable coa igualdade, a inclusión e os dereitos humanos. Cremos na importancia da visibilidade e o recoñecemento de todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero. É por iso que esta Corporación, no marco da celebración do Orgullo LGTBI+ deste ano, reivindica un país máis xusto, respectuoso, igualitario e libre facendo tamén noso o lema elixido para as mobilizacións deste ano: “Educación, dereitos e paz: Orgullo que transforma.”
Sada, 28 de xuño de 2024