O goberno tránsfuga votou en contra no pasado Pleno de 29 de decembro dunha moción de Sadamaioría, na que se demandaba dita desafectación.
A exclusión do DPMT foi demandada por Benito Portela en reiterados escritos á Dirección Xeral de Costas e foi tamén demandado no escrito do 2018 de alegacións á prórroga da concesión.
En relación co anunciado hoxe polo goberno tránsfuga, respecto do inicio de desafectación do dominio público marítimo-terrestre (DPMT) da Terraza, Sadamaioría precisa o seguinte :
1.- A demanda municipal de exclusión do DPMT coa conseguinte desafectación da Terraza e a demanda da súa posterior cesión gratuíta ao Concello, foi unha demanda constante do goberno presidido por Benito Portela.
De feito, dita demanda figuraba expresamente no escrito de alegacións que o goberno local presentou no 2018 no trámite polo que se denegou a prórroga da concesión aos anteriores concesionarios.
Tamén foi unha demanda reiteradamente solicitada mediante escritos dirixidos desde a alcaldía ao Ministerio de Transición Ecolóxica, a última no pasado mes de novembro. https://www.sada.gal/sada-reclama-ao-estado-e-a-xunta-unha-reunion-para-abordar-o- futuro-de-a-terraza
2.- O propio Pleno da Corporación ten acordado dita demanda de desafectación do DPMT da Terraza en reiterados acordos plenarios.
Así, no Pleno do 27 de febreiro de 2020, e a iniciativa do goberno presidido por Benito Portela (e co voto en contra dos agora tránsfugas de PP e PSOE) acordouse :
1.- Demandar da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar e Demarcación de Costas de Galicia a resolución expresa de non prórroga e, por tanto, extinción da concesión da Terraza, así como a incoación da desafectación da mesma do dominio público marítimo-terrestre, e a súa posterior cesión ao Concello, todo elo de conformidade coas previsións legais ao respecto e tamén en concordancia cos obxectivos e instrumentos de protección contidos no Decreto 16/2020, do 30 de xaneiro, polo que se declara ben de interese cultural a Terraza de Sada. 2.- Dar traslado do seguinte acordo á Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y del Mar, Demarcación de Costas de Galicia, así como aos grupos parlamentarios das Cortes Xerais do Estado. 3.- Facultar á alcaldía-presidencia á execución do presente acordo.
3.- Sorprende que agora o goberno tránsfuga considere e valore positivamente a incoación de expediente de desafectación, cando no recente Pleno ordinario de 29 de decembro, votaron en contra dunha moción de Sadamaioría na que, nun dos seus apartados, se apoiaba precisamente esa demanda de desafectación (*).
Oposición do goberno tránsfuga que mesmo chegou a cuestionar a posibilidade de cesión ao Concello, cando a lei de Costas, no seu art. 19 (**) expresamente a prevé.
4.- O goberno tránsfuga semella enterarse agora de que o Ministerio acorda a permanencia do edificio da Terraza, cando dita permanencia non so resulta obrigada pola súa condición BIC senón tamén porque así se resolveu expresamente na resolución denegatoria da prórroga da concesión.
5.- Aqueles que ían solucionar os problemas de Sada mediante a moción de censura, despois de 2 meses de ostentar o goberno municipal, seguen sen enterarse da realidade da situación legal da Terraza e mesmo semellan descoñecer aquelo que leva aprobado o Pleno ou demandado reiteradamente, e de xeito público, polo goberno presidido por Benito Portela, do que a alcaldesa tránsfuga formaba parte.
Sada, 28 de xaneiro de 2023
(*) O Pleno da Corporación reitera e insta ao Estado para que, á maior brevidade, proceda á tramitación e resolución do expediente para a desafectación dos terreos ocupados polo edificio de “A Terraza” e a súa posterior cesión gratuíta ao Concello de Sada e, asemade, teña por persoado ao Concello de Sada no dito procedemento de desafectación.
(**) Ley 22/1988, de 28 de julio, de Costas.
Artículo 19:
Los terrenos desafectados conforme a lo previsto en el artículo anterior se incorporarán al Patrimonio del Estado. Cuando no se juzgue previsible su afectación, podrán ser cedidos gratuitamente al Municipio o a la Comunidad Autónoma, condicionándose la cesión a que se destinen a finalidades de uso o servicio público de la competencia de aquellos.